Repositorio UVigo

StaticPageTitle

Repositorio Investigo

Política Institucional de Acceso Aberto á Produción Científica da Universidade de Vigo


No marco da denominada terceira misión da universidade, é desexo da Universidade de Vigo estender a súa actuación responsable e sostible á promoción do acceso aberto á información científica.

Neste sentido hai que lembrar que a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación efectúa, no seu capítulo sobre a transferencia e difusión dos resultados da investigación, un claro posicionamento a favor das políticas de acceso aberto á información científica. De acordo con esta lei, os axentes do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación deben impulsar o desenvolvemento de repositorios de acceso aberto ás publicacións do seu persoal de investigación para o cal determina que "o persoal de investigación cuxa actividade investigadora estea financiada maioritariamente con fondos dos orzamentos xerais do Estado fará pública unha versión dixital da versión final dos contidos que lle fosen aceptados para publicación en publicacións de investigación seriadas ou periódicas" a través de repositorios temáticos ou institucionais.

De modo similar, o Real Decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, establece no seu artigo 14.5 que "unha vez aprobada a tese de doutoramento, a universidade ocuparase do seu arquivo en formato electrónico aberto nun repositorio institucional".

Segundo a Budapest Open Access Initiative (BOAI), o acceso aberto á literatura científica consiste na "súa dispoñibilidade gratuíta na internet pública, para que cualquera usuario a poida ler, descargar, copiar, distribuir, imprimir, coa posibilidade de buscar ou enlazar todos os textos destes artigos, percorrelos para indexación exhaustiva, usalos como datos para software, ou utilizalos para calquera outro propósito legal, sen barreiras financeiras, legais ou técnicas, distintas da fundamental de gañar acceso á propia internet". Para facelo posible, a Universidade de Vigo formula a presente política que amplía os mandatos de acceso aberto establecidos pola lexislación vixente a outros documentos e publicacións producidos polo seu persoal investigador. De igual forma proponse reforzar este compromiso co acceso aberto mediante a firma da Declaración de Berlín.

Para materializar estes compromisos, a Universidade de Vigo promoverá, a través dos instrumentos ao seu alcance, o acceso libre e aberto aos coñecementos científicos producidos polos seus investigadores e investigadoras. Entre tales instrumentos figura a presente política e, en conexión con ela, o mantemento dun repositorio institucional dirixido a difundir, xestionar e preservar a produción científica do seu persoal investigador. Este repositorio, ademais de facilitar o cumprimento da devandita lexislación, amplía o seu alcance a outros tipos de publicacións relacionadas coa investigación que se desenvolve na Universidade de Vigo, singularmente os artigos e traballos de investigación publicados en revistas científicas ou as publicacións derivadas de congresos e reunións científicas. De xeito análogo, o repositorio poderá, no seu caso, aceptar o depósito doutro tipo de traballos e publicacións diferentes aos anteriormente citados, como, por exemplo, working papers, informes técnicos, etc., pero sempre vinculados á investigación. Nestes casos, a difusión en aberto a través do repositorio realizarase conforme a licenzas Creative Commons.

Doutra banda, e nesta liña de fomento do acceso aberto, a Universidade de Vigo proponse desenvolver os seus procesos internos de avaliación da produción científica a partir das publicacións rexistradas e depositadas no seu repositorio institucional no referido a artigos ou traballos de investigación publicados en revistas, libros e partes de libros, teses de doutoramento e publicacións derivadas de congresos. Para iso as citadas publicacións deberán ser, como mínimo, referenciadas no repositorio e facilitar o acceso aberto ao seu texto completo tan pronto como sexa posible en función das limitacións que puidesen ter establecidas os seus editores. En conexión con iso, a Universidade de Vigo recomenda aos seus investigadores/as que en materia de propiedade intelectual manteñan no seu poder os dereitos de explotación dos seus traballos non cedéndoos en exclusiva a outros axentes.

Pola súa natureza o contido a depositar no repositorio institucional da Universidade de Vigo debe ter algún tipo de revisión por pares ou de aprobación por tribunais ou comités científicos ou de avaliación.

De acordo coas consideracións precedentes, a Universidade de Vigo establece a obrigatoriedade para os seus investigadores e investigadoras de depositar e difundir a través do repositorio institucional aquelas publicacións que se toman en conta na avaliación da produción científica: artigos e traballos de investigación publicados en revistas, libros e capítulos de libros, teses de doutoramento lidas na Universidade de Vigo e publicacións derivadas de congresos. Neste sentido lémbranse as obrigas que institúe a lexislación vixente en materia de teses de doutoramento e de investigacións financiadas con cargo aos orzamentos xerais do Estado.

O depósito das teses de doutoramento levarase a cabo unha vez sexan aprobadas, aínda que tendo en conta as excepcións que contempla o artigo 14.6 do Real Decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

No caso dos artigos de investigación depositarase o post-print (versión definitiva destes, revisada por pares e aceptada para a súa publicación) en calquera das suas dúas modalidades: a versión publicada polo editor se este o autoriza (post-print de editor) ou o documento revisado e enviado polo autor/a antes da súa publicación na revista (post-print de autor). Debido a isto, recoméndase ao persoal investigador da Universidade de Vigo que conserve estes post-prints de autor.

Estes depósitos e os doutras publicacións e traballos que se incluan no repositorio corresponderán aos autores/as ou ás persoas delegadas por estes. Para iso o repositorio previrá un mecanismo de autoarquivo, aínda que a Biblioteca Universitaria verificará e validará o depósito con obxecto de garantir a súa corrección e fiabilidade.

A partir do depósito destes traballos e publicacións no seu repositorio institucional, a Universidade de Vigo comprométese a:

  • facilitar o acceso libre e aberto aos traballos tan pronto como sexa posible, aínda que respectando os dereitos de propiedade intelectual que poidan pesar sobre eles;
  • tratar de aumentar a visibilidade do repositorio e dos contidos nel depositados mediante mecanismos de interoperabilidade e recolección, así como dándoo de alta en directorios e colleiteiros nacionais e internacionais como Recolecta, OpenDoar ou outros;
  • velar polo respecto aos dereitos de propiedade intelectual;
  • asegurar a preservación dos contidos depositados;
  • proporcionar estatísticas sobre a utilización do repositorio e dos seus contidos;
  • encomendar a xestión do repositorio institucional á Biblioteca Universitaria sen prexuízo de que nela poidan colaborar outras unidades ou servizos universitarios;
  • crear e prestar servizos de valor engadido en torno ao repositorio a desenvolver pola Biblioteca Universitaria;
  • facilitar aos autores e autoras a información e formación precisas para que poidan levar a cabo eficazmente o autoarquivo dos seus traballos e publicacións;
  • logo da aprobación desta política polos órganos competentes, proceder ao seu rexistro en ROARMAP, Sherpa/Juliet e Melibea.

Esta política entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación, previa aprobación polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo.

2013 Universidade de Vigo, Todos los derechos reservados
Calidad So9001