Repositorio UVigo

StaticPageTitle

Repositorio Investigo

Sobre Investigo


  • Que é Investigo?
  • Investigo é un repositorio institucional que recolle, difunde e preserva a produción investigadora da Universidade de Vigo reflectida nos artigos, libros, capítulos/partes de libros, teses e documentos derivados de congresos e reunións científicas elaborados polo persoal investigador da universidade.

  • Que é un repositorio institucional?
  • Segundo a  'Guía para la evaluación de repositorios institucionales de investigación', un repositorio institucional de investigación é un "conxunto de servizos prestados polas universidades ou centros de investigación á súa comunidade para recompilar, xestionar, difundir e preservar a súa produción científica dixital a través dunha colección organizada, de acceso aberto e interoperable".

  • Que é "produción científica"?
  • Poderíase definir como o conxunto de documentos científicos de diverso tipo que recollen a actividade investigadora dos grupos de investigación e do persoal investigador da Universidade de Vigo.

  • Que obxectivos ten Investigo?
  • O seu obxectivo principal é difundir e aumentar a visibilidade da produción científica da Universidade de Vigo, facéndoa libremente accesible por internet. En segundo lugar, ten a finalidade de garantir a preservación ao longo do tempo desa produción.

  • De onde vén o nome Investigo?
  • O nome foi elixido logo dun concurso de ideas celebrado entre a comunidade universitaria en abril-maio de 2012. As bases do concurso contemplaban como requisitos a cumprir polo nome, a súa orixinalidade, o seu carácter eufónico, a súa facilidade de memorización e o seu grao de conexión co propósito do repositorio ou co movemento "open access".

  • Que contén Investigo?
  • Trátase dun repositorio de investigación conectado aos procesos de avaliación da produción científica na Universidade de Vigo. De acordo con iso, Investigo recolle os artigos, libros, capítulos/partes de libros, documentos derivados de congresos e reunións cientificas, e as teses de doutoramento, elaborados polo persoal investigador da universidade.

  • Como se organiza Investigo?
  • A diferenza da maioría dos repositorios que organizan os sus contidos en coleccións baseadas nos Departamentos e outras unidades universitarias, Investigo se organiza en torno ao tipo de documento. Consta de catro coleccións: artigos, libros (e partes de libros), documentos de congresos e teses de doutoramento. Á súa vez estas coleccións poden ter varios tipos de contido como, por exemplo, a colección artigos que contempla dous tipos de contidos: artigos e notas breves.

  • Todos os contidos de Investigo dispoñen do texto completo?
  • Non. Aínda que a maioría dos contidos dispón de acceso aberto a uhna versión do texto completo, o repositorio tamén inclúe obras que, debido á cesión de dereitos de propiedade intelectual a terceiros (por exemplo, editores comerciais) ou outras razóns de tipo legal, non ofrecen un acceso aberto a estes. Neste caso o único que ofrece Investigo en aberto son as referencias bibliográficas (metadatos) das obras.

  • Que son os metadatos?
  • Dende un punto de vista práctico pódense definir como os datos que describen os ítemes do repositorio co obxecto de facilitar a súa recuperación, autenticación, preservación e interoperabilidade.

  • Quen pode depositar documentos en Investigo?
  • Só o persoal docente e investigador (PDI) da Universidade de Vigo.

  • Quen pode consultar e descargarse os contidos que hai en Investigo?
  • Calquera persoa con acceso a internet pode consultar e utilizar Investigo, aínda que as posibilidades de acceso ao texto completo dependen dos dereitos de acceso que teña asignado cada documento en función da atribución dos seus dereitos de propiedade intelectual.

  • Quen administra Investigo?
  • O desenvolvemento e administración de Investigo foi encomendado á Biblioteca Universitaria. Para calquera consulta ou dúbida sobre o repositorio pode dirixirse a investigo@uvigo.es.

2013 Universidade de Vigo, Todos los derechos reservados
Calidad So9001