Repositorio UVigo

StaticPageTitle

Repositorio Investigo

Propiedade intelectual


  • Que é a propiedade intelectual?
  • É o conxunto de dereitos que teñen os autores e autoras sobre a súas obras científicas, artísticas, literarias ou técnicas. Tamén se utiliza o termo "dereitos de autor", mais cómpre diferenciar entre dereitos morais e dereitos económicos.

    Os dereitos morais son os que lle corresponden a un autor ou autora polo feito de crear unha obra. Son dereitos das persoas físicas e teñen carácter irrenunciable e inalienable. Os editores e outras persoas xurídicas non teñen dereitos morais, senón que os seus dereitos proveñen dos contratos que establecen cos autores. Estes dereitos morais obrigan, sobre todo, a que se identifique o autor dunha obra e a respectar a integridade dela.

    Entre os dereitos económicos, os máis importantes son os dereitos de explotación (coñecidos no mundo anglosaxón como "copyright"). Son os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación dunha obra. En principio correspóndenlle tamén ao autor, de modo que as actividades citadas non se poden realizar sobre a súa obra sen a súa autorización. Estes dereitos de explotación poden ser cedidos a terceiras persoas como sucede cos artigos ou con outros traballos de investigación cando se entregan a editores ou a outras institucións para seren publicados. Á súa vez, esa cesión de dereitos de explotación pode ser exclusiva ou non exclusiva.

  • Por que debo depositar os meus traballos en Investigo?
  • Ademais de consideracións relativas ao apoio ao movemento de acceso aberto e a mellora da sostibilidade do sistema de comunicación científica, existe unha lexislación que obriga o persoal investigador a depositar unha copia dos seus traballos de investigación en repositorios de acceso aberto. Esta obriga afecta, en primeiro lugar, as teses de doutoramento en virtude do RD 99/2011 que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento (art. 14.5). De forma similar, a Lei 14/2011 da ciencia, a tecnoloxía e a innovación dispón que "o persoal de investigación cuxa actividade investigadora estea financiada maioritariamente con fondos dos orzamentos xerais do Estado fará pública unha versión dixital da versión final dos contidos que lle fosen aceptados para publicación en publicacións de investigación seriadas ou periódicas, tan pronto como resulte posible, pero non máis tarde de doce meses despois da data oficial de publicación" (art. 37.2).

    Dado que esa difusión pública das versións dixitais dos artigos se debe facer a través de repositorios de acceso aberto, a Universidade de Vigo puxo en marcha o seu propio repositorio institucional, denominado "Investigo". Neste repositorio, ademais destes artigos e as teses de doutoramento, depositaranse tamén de xeito obrigatorio todas as publicacións ou traballos que son tomados en conta nos procesos de avaliación da produción científica da universidade: resto de artigos, libros, partes de libros e documentos derivados de congresos. Este depósito debe, en todo caso, respectar os dereitos de propiedade intelectual, de modo que se non houbese ningunha maneira posible de depositar o texto completo do traballo, abondará cos metadatos que se xeran ao verificar o depósito mediante o sistema de autoarquivado.

  • Se xa se publicaron os meus traballos de investigación en revistas ou en libros editados por institucións ou editoriais, non é ilegal depositalos no repositorio?
  • Non. Ademais de que, nalgúns casos, o esixe a lexislación, o depósito nun repositorio de acceso aberto non equivale á súa publicación nin pretende substituíla. Trátase de depositar, con fins de difusión e preservación, unha versión electrónica dos traballos de investigación publicados, pero sempre respectando os dereitos de explotación que teñan sobre a obra os editores. No caso das revistas científicas, a maioría dos seus editores permite que o persoal investigador deposite versións electrónicas dos seus artigos.

    En canto ás teses de doutoramento, o seu depósito en Investigo non impide que se publiquen posteriormente en forma de libro ou de artigos a través de editores científicos ou comerciais.

  • Pódense depositar as teses xa publicadas?
  • Si, pero antes débese contactar coa editorial ou institución que publicou a tese co obxecto de solicitar a autorización para depositar no repositorio da Universidade de Vigo a versión do autor ou autora e acordar os termos da autorización. A devandita autorización debe formalizarse por escrito.

  • A miña tese está elaborada baixo a modalidade por "compendio de publicacións", que implicacións ten isto para depositala en Investigo?
  • O RD 99/2011 que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento obriga a que todas as teses lidas na universidade sexan depositadas nun repositorio de acceso aberto sen establecer distinción ningunha en canto a modalidades. Non obstante, aconséllase que o autor ou autora da tese por compendio de publicacións contacte cos editores das publicacións que forman a tese para lles solicitar a autorización pertinente, sempre por escrito.

  • Como sei se podo depositar o texto completo dos meus traballos en Investigo?
  • A excepción das teses, Investigo só contén documentos e traballos que foron obxecto de publicación, polo que se require conciliar a obriga de depositar os traballos no repositorio co respecto aos dereitos de explotación que foron cedidos a editores ou outras terceiras persoas. Por iso, para cada documento haberá que solicitar a autorización de quen posúe eses dereitos de explotación.

    Non obstante, para os artigos de revistas existen ferramentas que permiten coñecer, sen necesidade de contactar cos editores, as posibilidades que existen para depositar os artigos no repositorio. En concreto, para as revistas científicas de ámbito internacional dispoñemos da base de datos Sherpa/Romeo e, para as revistas españolas, da base de datos Dulcinea. Se a revista en que se publicou un artigo non figura en Sherpa/Romeo ou en Dulcinea, hai que dirixirse ao editor para coñecer a súa política con relación ao acceso aberto ou, de ser o caso, solicitar a pertinente autorización.

    Convén aclarar que, con frecuencia, os editores permiten depositar unha versión final do documento (a propia do editor ou a versión corrixida do autor), aínda que coa condición de que se inclúa un enlace ou outro tipo de marca á versión publicada polo editor.

  • Que son Sherpa/Romeo e Dulcinea?
  • Sherpa/Romeo é unha base de datos que informa das políticas que teñen os editores de revistas científicas con relación ao depósito en repositorios de acceso aberto dos artigos publicados nas súas revistas. Dulcinea é o seu equivalente español, que facilita o coñecemento das políticas que teñen ao respecto os editores de revistas españolas.

  • Que é un "embargo"?
  • É o prazo de tempo que debe transcorrer dende que se publica unha obra ata que se difunde en acceso aberto. É un prazo imposto polos propietarios dos dereitos de explotación dunha obra (polo xeral, os editores) e varía de 2 a 48 meses. Os embargos son xestionados por Investigo de xeito que, transcorrido o devandito prazo, se libera de forma automática o texto completo do documento, que queda a disposición do público.

  • Que significa en Investigo "acceso restrinxido"?
  • O acceso restrinxido aplícase a aqueles documentos cuxo texto completo, por razóns legais ou por prohibición dos editores, non pode ser difundido publicamente no repositorio. En tales casos, se a Biblioteca Universitaria dispón dos dereitos de acceso á publicación a través da correspondente licenza de uso e así o autoriza o editor, o repositorio proporciona acceso ao texto completo só para os membros da Universidade de Vigo que consulten o repositorio dende un enderezo IP autenticado.

  • Para que serve a "licenza Investigo"?
  • A licenza Investigo é unha licenza de depósito cuxa finalidade é que os autores ou autoras dos traballos autorícenlle expresa e formalmente a Universidade de Vigo a difundir en internet os documentos que se depositan no repositorio institucional, así como a asegurar a súa preservación a longo prazo. Non se trata en ningún caso dunha cesión exclusiva de dereitos.

  • Que son e para que valen as licenzas CC (Creative Commons)
  • Trátase dun sistema de licenzas ideado para distribuír ou difundir en forma aberta contidos de tipo intelectual e cultural. Por medio destas licenzas o autor determina os usos que se poden facer da súa obra. Creative Commons recolle catro cláusulas ou condicións de uso: obriga do recoñecemento da autoría, autorización para a súa comercialización, autorización para facer obras derivadas e obriga de compartir calquera obra derivada baixo o mesmo tipo de licenza. Da combinación destas catro cláusulas xorden os seis tipos básicos de licenzas CC con diferentes graos de permisividade en canto aos usos que se poden efectuar da obra.

    Dado que Investigo recolle traballos xa publicados, as licenzas CC só se aplican ás teses de doutoramento en tanto son documentos aínda non publicados. Por defecto, o repositorio aplica a licenza CC máis restritiva (Recoñecemento-NonComercial-SenObraDerivada) que prohibe usos comerciais da tese e a xeración de obras derivadas. Non obstante, o autor ou autora da tese pode cambiar esta licenza por calquera das outras modificando as cláusulas correspondentes.

    Máis información en http://es.creativecommons.org/blog/licencias/

2013 Universidade de Vigo, Todos los derechos reservados
Calidad So9001