Variation in the clausal complementation system in World Englishes: A corpus-based study of REGRET
DATE:
2021-01-19
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/1688
UNESCO SUBJECT: 5701.13 Lingüística Aplicada a la Traducción E Interpretación ; 5705.10 Sociolingüística
DOCUMENT TYPE: doctoralThesis
ABSTRACT
As variedades inglesas de todo o mundo ou Novos Ingleses describíronse na bibliografía como variedades independentes do inglés por si mesmas e non como simples desviacións do inglés británico (Platt, Weber e Ho 1984; Clyne 1992). Un conxunto distintivo de características que son o resultado dun proceso de nativización estrutural e ocorren en tódolos niveis do idioma distinguen aos Novos Ingleses do inglés británico e a unhas variedades das outras. O máis visible e característico dos Novos Ingleses ten lugar nas áreas da fonoloxía e o léxico, pero moitas outras características ocorren na intersección entre a gramática e o léxico (E. W. Schneider 2007: 5-6). A nivel gramatical as diferenzas entre variedades atópanse principalmente nas frecuencias de uso de certas estruturas gramaticais (ver por exemplo Olavarría de Ersson e Shaw 2003). Con esta tese, pretendo contribuír ao campo do inglés en particular e ao da lingüística inglesa
en xeral proporcionando unha análise detallada dos potenciais predictores da variabilidade morfosintáctica en 16 variedades do inglés en todo o mundo. A suposición subxacente é que só a través dunha combinación de análises cuantitativas e cualitativas dun gran número de variedades poden descubrirse os factores que hai detrás de semellanzas e diferenzas entre variedades. É por esta razón que o enfoque variacionista da dialectoloxía, que mira non só as frecuencias senón tamén os procesos de elección lingüística implicados, convértese nun enfoque metodolóxico óptimo para axudar a debuxar unha imaxe clara das semellanzas e diferenzas entre as distintas variedades do inglés e os factores que as determinan. Moitos dos trazos característicos dos Novos Ingleses son o resultado dunha serie de factores que configuran a aparición e evolución lingüística das distintas variedades. Entre outros, a continuidade, a innovación, os contactos (de idiomas), os procesos de adquisición da segunda lingua, a tipoloxía de idiomas e os factores culturais. A continuidade refírese á gramática básica común compartida coa variedade de entrada que se transmite entre xeracións e a innovación é o resultado dun cambio interno e de creatividade lingüística. Os procesos de contacto de idiomas e de adquisición da segunda lingua teñen lugar porque as novas variedades inglesas xorden en contextos multilingües, onde o inglés é levado a unha nova terra na que a poboación nativa fala outros idiomas e vese obrigada a aprender inglés para comunicarse cos novos poboadores e aumentar os seu status social. Estes procesos normalmente están entrelazados e distinguir os efectos duns procesos dos dos outros non é posible. Algúns fenómenos derivados do contacto de linguas e da situación de adquisición da segunda lingua son as tendencias simplificadoras atopadas nas variedades do inglés como segundo idioma (ESL) como por exemplo o transfer to somewhere principle (Andersen 1983), o shortest path principle (Wald 1996), a markedness theory (Tschichold 2002), o teddy bear principle (Hasselgre 1994), a avoidance of redundancies (J. Williams 1987), entre outros, e tamén a influencia e transferencia das características tipolóxicas das linguas de substrato faladas na rexión en questión (E. W. Schneider 2007: 88-107). O efecto destes procesos nos Novos Ingleses foi estudado e contabilizado nunha serie de estudos (ver, por exemplo, Platt, Weber e Ho 1984; J. Williams 1987; Thomason e Kaufman 1988; Thomason 2001; Sharma 2005, 2009, 2012; Gut 2011a; Lim 2012, 2017; Steger e W. E. Schneider 2012; Bao 2017; Suárez-Gómez 2017; E. W. Schneider 2018; Van Rooy 2020) pero o sistema de complementación non recibíu atención, malia que adoita destacarse como un exemplo clásico onde procesos de innovación nos Novos Ingleses teñen lugar (E. W. Schneider 2007: 86). Olavarría de Ersson e Shaw (2003: 138) e Mukherjee e Hoffmann (2006: 148) sosteñen que, dado que a complementación é unha característica estrutural da linguaxe, é razoable esperar diferenciación rexional nesta área. De feito, o amplo corpo de investigación sobre variación e cambio na área de complementación na historia do inglés é testemuña do seu interese. Os continuos cambios ocorridos durante os últimos séculos coñécense como o Great Complement Shift (Rohdenburg 2006b: 143; consultar tamén, entre outros, Warner 1982; Fischer 1988, 1989; Fanego 1990b, 1992, 1996a, 1996b, 1996c, 1998, 2004b, 2004c, 2007, 2010, 2016; Rohdenburg 1995, 2006b, 2014; Rudanko 1998, 2000, 2011; Miller 2002; Los 2005; Vosberg 2006; and de Smet 2008a, 2008b, 2009, 2010, 2013, 2014). Non obstante, a pesar da extensa investigación
sobre a variación diacrónica, o seu estado no inglés actual e nos Novos Ingleses non foi abordada en profundidade (Fanego 2007: 161). Varios estudos deron conta de patróns innovadores nos sistemas de complementación dos Novos Ingleses. Por exemplo, o uso de screen como verbo intransitivo e os verbos protest, farewell e appeal como transitivos no inglés de Nova Zelandia (Hundt 1998; E. W. Schneider 2007); o verbo pick up usado de xeito transitivo no inglés de África oriental, no inglés de Singapur e no inglés de Fiji (Platt, Weber e Ho 1984; Tent 2000: 376; E. W. Schneider 2004: 240, 2007); e a adición de partículas a verbos, como en rear off e eat off (E. W. Schneider 2007). Os estudos sobre a complementación verbal ata agora son limitados e centráronse principalmente na complementación de verbos ditransitivos e construcións de Transfer-Caused-Motion (TCM) (véxase Olavarría de Ersson e Shaw 2003; Mukherjee e Hoffmann 2006; Mufwene e Schilk 2008; Mufwene e Gries 2009; Mukherjee e Schilk 2012; Bernaisch 2013; Deshors 2014) así como sobre a competición entre xerundios e infinitivos (Deshors 2015; Deshors e Gries 2016). Non obstante, existe unha carencia de investigación sobre
xeitos alternativos de dicir o mesmo na complementación verbal (Labov 1972: 188). As
tendencias simplificadoras do sistema de complementación en inglés son visibles principalmente na elección de construcións máis explícitas e transparentes, máis doadas de producir e normalmente aprendidas antes que as alternativas. A transferencia gramatical de idiomas de substrato tamén pode verse no uso en inglés de patróns de complementación exclusivos destes idiomas e nas frecuencias de uso das construcións canónicas inglesas. Por exemplo, os falantes do inglés como segunda lingua (ESL) usarían patróns que non existen no seu idioma de substrato con menos frecuencia que os falantes do inglés como lingua nativa (ENL). Un caso puntual é a clase de verbos retrospectivos, que inclúe os verbos remember, regret e forget. Estes estudáronse amplamente na historia do inglés, facendo especial fincapé en remember, pero non no inglés actual e nos Novos Ingleses. Os verbos retrospectivos poden ir seguidos por dous patróns de complementación clausal funcionalmente diferentes e, polo tanto, a alternancia entre os dous non é posible. Trátase de cláusulas de infinitivo, que indican que a acción ou evento ten lugar despois de que (e como resultado) do proceso mental denotado polo verbo principal (Quirk, Greenbaum, Leech, and Svartvik 1985: 1193), e as cláusulas de participio -ing, que se refiren a un evento ou ocasión precedente que vén á memoria no momento indicado polo verbo principal (Quirk et al. 1985: 1193). Con regret, con todo, a variación entre as cláusulas de participio -ing e as cláusulas finitas declarativas coa conxunción that é menos categórica ou probabilística, xa que se poden usar de xeito intercambiable sen aparente cambio de significado, como en I regret moving to New York, I regret that I moved to New York. Dende unha perspectiva diacrónica, a variación entre ámbolos patróns fíxose posible coa adquisición de características verbais por parte das cláusulas de participio -ing e o seu posterior incremento como patrón de complementación a partir do século XIV en diante (Fanego 1996a: 33, 1996b: 98, 1998: 88, 2004a: 325, 2004b: 7-8, 2004c: 28, 2006: 96, 2007: 168, 2016: 88; Rissanen 1999: 291). Esta tese pretende ofrecer unha descrición exhaustiva do perfil de complementación do verbo regret nos Novos Ingleses na actualidade e examinar os mecanismos que rexen a variación entre patróns funcionalmente similares. Trátase dun estudo empírico baseado na metodoloxía de corpus e segue un deseño variacionista. Con datos do inglés usado na internet (Corpus of Global Web- Based English - GloWbE), examino 16 variedades do inglés: Estados Unidos, Gran Bretaña, India, Sri Lanka, Paquistán, Bangladesh, Singapur, Malaisia, Filipinas, Hong Kong,
Sudáfrica, Nixeria, Ghana, Quenia, Tanzania e Xamaica. En termos xerais, céntrome, por unha banda, en patróns de complementación innovadores testemuñados en diferentes variedades do inglés en todo o mundo. Por outra banda, exploro a alternancia entre as cláusulas de participio -ing e cláusulas finitas con that con idénticos significados temporais anteriores e simultáneos. Con métodos comparativos variacionistas procedentes de estudos de dialectoloxía, dou o protagonismo aos procesos de elección lingüística en vez de frecuencias, de xeito que as semellanzas e diferenzas entre as variedades en termos da súa elección de complemento co verbo regret fanse visibles mirando a xerarquía de efectos dentro dun factor, a magnitude de efecto dun factor e a significación estatística dun factor en cada variedade. Se estas medidas varían entre
variedades, esto indicaría que as gramáticas subxacentes das variedades do inglés investigadas son diferentes (Tagliamonte 2012). Mediante modelos de regresión loxística, árbores de inferencia condicional, análises forestais aleatorias e análises agregacionais multidimensionais, probei os diferentes factores extra- e intra-lingüísticos mencionados antes pertencentes aos Novos Ingleses: continuidade da distribución dos patróns de complementación a través das xeracións, creación de novos patróns, procesos de linguas en contacto e de adquisición de linguas, incluíndo as características tipolóxicas das linguas de substrato de cada rexión que tamén poden modelar a variación, e representei graficamente o diferentes que son as gramáticas subxacentes (...)
Files in this item
![pdf [PDF]](/xmlui/themes/Mirage2/images/thumbnails/mimes/pdf.png)
- Name:
- PereiraRomasanta_Raquel_TD_2020.pdf
- Size:
- 11.66Mb
- Format:
- Description:
- Embargado 2023.11.25