Aproveitamento e valorización de restos das podas de vide para obter «compostos de base» útiles para a síntese de produtos químicos de interese industrial e biocombustibles
DATE:
2021
UNIVERSAL IDENTIFIER: http://hdl.handle.net/11093/4851
UNESCO SUBJECT: 3303.03 Procesos Químicos
DOCUMENT TYPE: bookPart
ABSTRACT
O sector vitivinícola consolidouse en Ourense como un referente na economía da provincia, avalado pola calidade dos seus viños que espertan un grande interese nacional e internacional. Porén, os restos xerados polas vides na súa poda teñen un custo residual, pois déixanse podrecer nas viñas ou empréganse como fonte de enerxía ao queimalos. A reutilización de residuos agrícolas para obter compostos de valor engadido é unha posibilidade tecnolóxica real que, ademais, promove unha economía circular e un crecemento sostible acorde coa demanda e coas necesidades da sociedade actual. O presente estudo ten o propósito de presentar e de analizar unha alternativa que valore os restos vexetativos obtidos na poda da vide co desenvolvemento de procesos que, seguindo a filosofía de «biorrefinaría», permiten a separación dos seus constituíntes estruturais. Deste xeito, trátase o fraccionamento selectivo e integral da celulosa, das hemicelulosas e da lignina, grazas ao emprego de mesturas de auga cun disolvente orgánico seleccionado consonte a reactividade destes constituíntes. Finalmente, este disolvente recupérase mediante destilación e reutilízase no proceso, diminuíndo así a creación de residuos. Ademais, estúdase a valorización individualizada das hemicelulosas contidas na fase acuosa, empregando sistemas bifásicos para obter furfural. A auga é o disolvente imprescindible para levar a cabo a deshidratación das pentosas que forman parte das hemicelulosas e orixina, así, furfural, que pode ser recuperado in situ grazas á súa afinidade por determinados disolventes orgánicos. O furfural é un precursor natural dunha gama de produtos químicos de interese industrial e combustibles «verdes», e o seu potencial consolídase porque só se pode obter a partir de biomasa, polo que resulta unha alternativa renovable a outras de orixe fósil non renovables.